10 Jul


     O grupo Lugo Debate formámolo lucenses sen máis ataduras que as da amizade, con traxectorias profesionais moi diferentes e variadas afinidades políticas. Únenos o desexo de fomentar o debate público dalgúns asuntos que consideramos de especial relevancia para a cidade na que vivimos, cuestións que teñen unha incidencia directa na calidade de vida dos cidadáns. 

     E para lanzar á sociedade as nosas propostas nas materias para debater, abrimos este blog, cuxo título non deixa lugar a dúbidas acerca das nosas intencións. O urbanismo, o medio ambiente, a economía, as infraestruturas, as políticas sociais, a seguridade cidadá, as iniciativas culturais… Todos estes e outros asuntos estarán entre as materias que abordaremos e propoñeremos para debate, achegando a el as nosas propias conclusións, que serán o froito do inicial consenso no seo do grupo. 

     Asistimos con preocupación ao deterioro do debate na sociedade sobre como se xestionan os asuntos públicos. É certo que hai moito ruído, moita exposición de ideas particulares, sinaladamente a través das redes sociais, pero non é menos certo que non existe un debate no sentido pleno da palabra e, por tanto, sen os resultados que debe producir nin as sinerxías sociais que debe favorecer. 

     Desde os ámbitos políticos con frecuencia favorécese intencionadamente a xeración de ruído ao redor das grandes cuestións, pero non o debate sosegado e rigoroso. En Lugo Debate queremos, coa modestia que impón a case total carencia de medios, poñer un gran no celeiro social para tentar que cambie o actual estado de cousas. 

     Chámese se así se quere pretensión de axudar a empuxar o carro social cara a unha democracia verdadeiramente participativa, na que o papel do cidadán non se limite a votar cando tocan eleccións. 

     Se abriches este blog e chegaches ata aquí, non nos perdas de vista porque en moi curto prazo coñecerás a nosa opinión sobre algún dos asuntos que, como cidadán che afectan directamente.

Comentarios
* No se publicará la dirección de correo electrónico en el sitio web.