Hai uns días, xornais que informan sobre a nosa cidade, facíano sobre a rehabilitación de dous inmobles contiguos na Praza Maior para destinalos a oficinas. A noticia debe dar pé, xa que son dous edificios do centro histórico da cidade, para que debatamos sobre o que chamamos centro histórico e o papel que debe ter na construción da cidade do futuro. Unha definición que pode valer de centro histórico é a de "núcleo urbano orixinal de planeamento e construción dun área urbana que ten, no conxunto da cidade unha maior atracción social, económica, política e cultural caracterizada por conter os bens vinculados coa historia da cidade".
A realidade de Lugo é que o centro histórico, perfectamente establecido pola Muralla e pouco máis, está a sufrir un forte deterioro que consideramos que non ten solución coa terciarización do mesmo, cuxo exemplo é o proxecto para os aludidos edificios da Praza Maior. A terciarización do centro histórico supón dar prioridade a servizos, banca, comercio, outras oficinas, etcétera, non só nos baixos senón tamén en alturas, en pisos que sempre foron utilizados como vivenda. Este proceso está a facer morrer a vida social no mesmo. É evidente que non dá solución a un dos máis graves problemas que ten, que é a despoboación, de maneira que cando pechan oficinas e comercios o centro perde toda a vitalidade que debía ter. Ademais da perda de poboación, o casco histórico ten outros problemas.
En primeiro lugar por ser zonas da cidade que sofren dun xeito moi pronunciado o paso do tempo, debido ao abandono por parte da propiedade e das autoridades. Deste xeito dáse un alto grao de deterioro arquitectónico (edificios vellos mal conservados ou en ruínas) e urbanístico, ademais de déficits infraestruturais e de servizos. A xente que segue a vivir no mesmo e que hoxe os demanda melloras en todas esas frontes, pola razón de que a sociedade é cada vez máis democrática e defensora de determinados dereitos·
En segundo lugar, os centros históricos sempre foron multifuncionais, pero hoxe é máis rendible para a propiedade, coa colaboración cómplice do Concello, que conta con instrumentos urbanísticos adecuados, o cambio de función, a terciarización, que fai desaparecer actividades que garantan a permanencia da poboación existente e que sexa un polo de atracción para outra que vive fora.
Medidas necesarias
En terceiro lugar, entendemos que o Concello de Lugo debe loitar con medidas eficaces contra a despoboación do centro histórico. Deberá comezar por tomar decisións encamiñada a fixar unha poboación envellecida, que vive en réxime de aluguer en vivendas que sofren un grao de deterioro elevado. Son edificios aos que os propietarios dedican poucos recursos para a súa solución xa que prefiren que os residentes os abandonen. A situación actual da Rúa Nova pode ser un caso que serva de exemplo.
Por outra banda, o Concello deberá tomar as medidas que permitan facer atractivo vivir no centro histórico, aplicando un urbanismo de sutura que fixe e capte nova poboación, obxectivo que non se consigue permitindo o deterioro.
En resumo, non é posible deter o proceso de deterioro aplicando unha política de terciarización que expulsa á poboación e acabará "matando" definitivamente ao centro histórico, proceso que beneficia á propiedade e non á cidade e a poboación.
Poñemos as páxinas do noso Blog ao servicio deste necesario debate.